Museo Etnográfico da Capela
No ano 2001 por iniciativa do Concello, Colexio e o movemento asociativo da Capela nace a Asociación Patronato do Museo Etnográfico da Capela coa finalidade de crear un museo que mostre a tradición legada polos labregos da zona.
Cóntase de partida cos fondos da Colección Etnográfica do CEIP “Mosteiro de Caaveiro” froito dunha experiencia sociopedagóxica desenvolvida no colexio desde o ano 1981 coa participación de pais, mestres e principalmente dos nenos e nenas que se converteron en buscadores e salvadores de vellos tesouros que estaban a durmir o sono do que xa non ten valor de uso.
O proxecto concíbese como unha Rede de Museos, cada un deles xira ao redor dun centro de interese (a casa rural, o traballo nas fragas, a escola…) e todos á súa vez interrelacionados entre si formando parte das rutas que lle permiten ao visitante deambular polo acontecer histórico do contorno agrícola dos homes e mulleres da zona.
A “Casa do Pazo” é a sede central do Museo, unha aula viva onde se presenta a “casa” como unha unidade básica da sociedade rural, que non só responde á necesidade de refuxio da familia senón tamén ás necesidades sociais e ás derivadas dunha economía de autosuficiencia. A “Casa” compleméntase co “Parque Etnográfico do Sesín”, un eco-museo exterior onde se mostra como o HOME aproveita dun xeito racional os recursos que o MEDIO (regatos, montes, fragas…) lle ofrece máis aló dos eidos.
Un percorrido polas dependencias da “Casa do Pazo” (a cociña, o cuarto, a sala, os alpendres, a eira…), o “Parque Etnográfico do Sesín” (os muíños, o souto, o monte, a foia…) e a “Escola de Guitriz” permítenlle ao visitante achegarse ás formas de vida e traballo das xentes da zona; xeitos que están a piques de esquecerse por completo pola evolución dos tempos.
Enderezo:
Casa do Pazo
15613 A Capela (A Coruña)
Teléfono: 981 459380
E-mail: info@museodacapela.org
Web: www.museodacapela.org
Horario:
De martes a venres de 11:00 a 14:00.
Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.
Días de peche: luns.
Servizos: | |
---|---|
Prezo da entrada Xeral | 1,50€ |
Prezo por persoa grupos de máis de 15 persoas | 1,00€ |
Prezo grupos escolares | 15,00€ |
Biblioteca / centro de documentación | SI |
Tenda / venda de publicacións | NON |
Instalacións adaptadas á diversidade funcional | NON |
Temática:
Colección visitable de Etnografía