Consello Galego de Museos

Museo das Peregrinacións e de Santiago

O Museo das Peregrinacións foi creado no ano 1951 por iniciativa do concello de Santiago e da Dirección General de Bellas Artes. Durante moitos anos abriu as súas portas esporadicamente, con motivo da realización dalgunhas exposicións temporais. No 1995 é transferido á Comunidade Autónoma de Galicia, pasando así a ser un museo de titularidade estatal e xestión transferida. Un ano despois ábrese definitivamente coa montaxe da exposición permanente.

Na actualidade, o Museo está a experimentar un novo pulo institucional coa elaboración do seu Plan Museolóxico e Museográfico, un ambicioso proxecto que pretende ampliar a súa sede coa incorporación dos edificios do antigo Banco de España e da Casa do Cabido -dúas insignes construcións ubicadas na praza de Praterías da cidade de Santiago-, así como mellorar a comprensión do proceso histórico da peregrinación a través dos bens culturais con ela relacionados.

As funcións e obxectivos do novo Museo das Peregrinacións e de Santiago aparecen regulados no Real Decreto 1293/2007, de 28 de setembro, que o define como unha institución museística nacional e Centro de Documentación, Investigación e Interpretación de Santiago e das Peregrinacións “á que lle corresponde a protección, conservación, documentación, investigación e difusión dos bens materiais e inmateriais integrantes do patrimonio cultural relacionados co fenómeno universal da peregrinación, coa peregrinación xacobea e o Camiño de Santiago en particular, e co nacemento e evolución da cidade de Santiago de Compostela como meta de peregrinación”.

Para ilustrar esta temática, os seus fondos albergan obras de moi diversa índole: dende esculturas, pinturas, ourivaría e acibechería, documentos, libros e vestimentas de peregrino, ata fotografías relacionadas co Camiño de Santiago ou con outras peregrinacións que se levan a cabo polo mundo. Así mesmo, conta cunha ampla coleccción numismática con moedas procedentes, fundamentalmente, das cecas galegas.

O Museo vén desenvolvendo programas de exposicións temporais complementarios do seu contido temático e posúe un fondo editorial constituído maioritariamente por catálogos de exposicións e monografías con estudos de fondos e/ou aspectos relacionados coa súa temática concreta. Do mesmo xeito mantén abundantes relacións internacionais por mor da natureza do seu propio contido temático.

Logo do Museo das Peregrinacións e de Santiago

Enderezo:
Rúa de San Miguel 4
15704 Santiago de Compostela
Teléfono: 981 581558
Fax: 981 581955
E-mail: informacion.mdperegrinacions@xunta.es
Web:
www.mdperegrinacions.com


Horario:
De Martes a venres de 10:00 a 20:00.
Sábados de 10:30 a 13:30 e de 17:00 a 20:00.
Domingos de 10:30 a 13:30.
Días de peche: luns, festivos locais, 1 e 6 de xaneiro, 1 de maio, 25 de xullo, e 6, 24, 25 e 31 decembro.


Servizos:
Prezo da entrada 2'40€
Biblioteca / centro de documentación SI
Tenda / venda de publicacións SI
Instalacións adaptadas á diversidade funcional SI

Temática:
A peregrinación como fenómeno universal; a peregrinación xacobea e o Camiño de Santiago; nacemento e evolución da cidade de Santiago de Compostela

Contactar có museo

San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela
Tel.(981) 583620 - Fax 554840| secretaria@cgmuseos.org
XHTML 1.0 Strict válido CSS válido

Co patrocinio da:Xunta de Galicia