Consello Galego de Museos

Museo das Mariñas

O Museo das Mariñas creouno o Concello de Betanzos en 1983 e reinaugurouno en 1993 despois dunha rehabilitación integral do antigo convento de San Domingos (ss. XVI-XVII) con interesantes elementos barrocos.

Como queira que Betanzos é unha cidade medieval, éntrase na IDADE MEDIA a través de numerosos sepulcros dos ss. XIV-XV: Sancha Rodríguez, Nuño Freire, Afonso de Carvallido e a súa dona Clara Sanches, etc. No mundo do camiño de peregrinación conta coa estatua dun Santiago Peregrino do s. XIV con peliza, cantimplora e báculo, único tipoloxicamente en Galicia. Logo viáxase cara atrás a través da ARQUEOLOXÍA ROMANA E CASTREXA (ara de Fervenzas, estelas funerarias, muíños de man...) para chegar á zona do PAN e do VIÑO, cun gran lagar tipo Plinio.

Subimos as monumentais escaleiras rodeados de escudos e de baleirados de cabaleiros e entramos na SALA DO TRAXE con arredor de cincuenta de toda Galicia, na que ademais se conserva a memoria visual do Ballet Galego Rey de Viana. Pasamos logo á zona dos SÍMBOLOS: bandeira e documentos do Goberno Republicano Español no Exilio, bandeira das Irmandades da Fala de Betanzos, busto de Castelao do Centro Betanzos de Buenos Aires, tambor dos bandos de 1844... A medida do TEMPO dánola o reloxo de torre feito por Lombardero en 1757. Óleos, fotografías e debuxos de Francisco J. Martínez Santiso lévannos ata "O Globo". E así chegamos ás ANTIGAS ESCOLAS, con libros, mapas, restos dun museo escolar local, aparatos "mecánicos" do s. XIX para visualizar gravados didácticos, pupitres... Os tempos modernos tamén teñen cabida, arredor do proxector de cine máis antigo de Galicia, cámaras fotográficas, máquinas de escribir, gramófonos, etc.

A COLECCIÓN JIMÉNEZ-COSSÍO está chea de fermosísimos bordados antigos (s. XVI-XIX), abanos, etc., recollidos nos ss. XIX-XX por D. Manuel Bartolomé Cossío e a súa dona, Dª Carmen López-Cortón Viqueira. E seguimos despois polo fiado/tecido e outros oficios tradicionais.

A sala do APOSTOLADO DE RUBENS é unha das estrelas do museo, posto que ten unha colección pictórica de trece táboas, de Rubens ou da súa escola, traídas de Anveres polos fundadores do Hospital de Santo Antonio no s. XVII. Compleméntase con outro apostolado en gravados de época e tamén de Anveres (doazón de Mireille Madou), así como coas campás e as portas do arquivo do Hospital cos retratos dos fundadores.

Un descanso no claustro do convento, rodeados por cipreses, camelias e cantos de paxaros, remata a visita.

Logo do Museo de Belas Artes da Coruña

Enderezo:
Convento de Sto. Domingo
Emilio Romay, 1
1 5300 - Betanzos (A Coruña)
Teléfono: 981 77 36 93
E-mail: museomarinas@gmail.com


Horario:
De luns a venres de 10 a 13h e de 16 a 20 h.
Sábado de 10:30 a 13h.
Días de peche: Domingos e festivos.


Servizos:
Prezo da entrada 1,29 €
menores de 14 anos acompañados e grupos escolares gratuita
Mes de portas abertas Maio
Biblioteca / centro de documentación SI
Tenda / venda de publicacións /
Instalacións adaptadas á diversidade funcional /

Temática:
Xeral

Contactar có museo

San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela
Tel.(981) 583620 - Fax 554840| secretaria@cgmuseos.org
XHTML 1.0 Strict válido CSS válido

Co patrocinio da:Xunta de Galicia