Consello Galego de Museos

VII Coloquio Galego de Museos

MUSEOS: CONSTRUÍNDO A COMUNIDADE

Santiago de Compostela, 26-28 setembro 2002

A intención do VII Coloquio Galego de Museos foi propiciar reflexións e dar a coñecer experiencias fundamentais para achegármonos ó debate no que se moven hoxe os museos cando procesos económicos, sociais e políticos moi complexos producen alteracións fondas e perceptibles nas nosas comunidades. Procesos que transforman os territorios, modifican as dinámicas demográficas e alteran as estructuras económicas e sociais, e tamén a percepción das colectividades verbo dos valores culturais imperantes e da noción tradicionalmente difundida de patrimonio cultural.

Sublíñase o papel dos Coloquios de Museos como foros de intercambio científico e cultural, de coñecementos e experiencias, afondando na idea da construcción europea baseada no respecto das identidades culturais dos diferentes territorios.

Os museos deberan instar as administracións públicas e os poderes económicos no sentido da necesidade de contribuír á recuperación do patrimonio cultural como memoria social, e a importancia que isto ten para a expresión das identidades e a cohesión interna das comunidades.

Os museos, á súa vez, débense esforzar por superaren dinámicas rutineiras, reflexionando e documentando as mudanzas sociais, para seguiren cumprindo as funcións e obxectivos historicamente asignados á institución museal.

Habida conta do potencial dos museos para participaren, a través da recuperación e utilización do patrimonio cultural, na creación de riqueza, considérase necesaria a articulación de redes entre os museos de diferente contido e ámbito para lograr unha meirande incidencia social e ser partícipes dos procesos de cambio e estratexias de desenvolvemento nas que se atopan implicados os distintos territorios e comunidades.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2002

Co patrocinio de:

logtipo da Xunta
Xunta de Galicia.
Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Coloquios Galegos de Museos

Desde a súa oficialización mediante unha figura legal, a actividade do Consello Galego de Museos foise consolidando e ampliando. O segundo Coloquio Galego de Museos celebrouse en Lugo en 1984. O terceiro tivo lugar no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 1990. Os seguintes tiveron xa carácter monográfico: IV Investigación e Museos. Pontevedra, 1994 V Museos: do marco normativo á organización. Melide, 1997 VI A conservación preventiva. A Coruña, 2000 VII Museos: construíndo a Comunidade. Santiago de Compostela, 2002 VIII Os museos e o seu público. Ponteareas, 2004 IX Museos, espazo e discurso. Lugo, 2006.

Os coloquios contan co patrocinio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte – Xunta de Galicia, o mesmo que a edición das respectivas actas, publicadas en 1992 (recollendo parte dos materiais dos tres primeiros Coloquios), 1997, 1998, 2001, 2003 e 2006. Están no prelo as actas do IX Coloquio.

Ademais da organización dos Coloquios, desenvólvense periodicamente Xornadas Técnicas, concibidas eminentemente como un ámbito de análise e debate de problemas profesionais.

San Domingos de Bonaval 15703 Santiago de Compostela
Tel.(981) 583620 - Fax 554840| secretaria@cgmuseos.org
XHTML 1.0 Strict válido CSS válido

Co patrocinio da:Xunta de Galicia